21/7/10

Conto da infancia

Meu avó Luis, a quen todos os seus netos chamabamos Papaluis, era curtidor, é dicir convertía os coiros duros e sanguentos dos animais en suaves e doces peles flexibles que nos valían a nós os humanos para facer moitas cousas : zocos, correas para atar os zapatos (as correas eran as máis frecuentes na nosa vida infantil), carteiras, bolsos e moitas outras cousas que eu nunca vía fabricadas. Só vía a etapa das peles onde Papaluis e meu tío Luis, a quen os rapaces chamabamos Chichís, traballar arreo para que outros fixeran esas cousas.
A meirande parte das veces o que trataban eran os coiros das vacas e cabalos que non sabía onde conseguían, polo visto nos matadeiros, contoume Luis hai pouco, lóxico.
Aquelas peles inmensas eran sumerxidas nos píos durante días e meses para limpalas e para que abrandasen. Auga mesturada con cal, con merda de galiña, de can...(en serio) e tamén con casca de carballo.
A casca moíana cun motor enorme que facía un ruído tremendo. Véndo hoxe o motor e o interruptor parecían sacados dunha película muda ou do obradoiro do profesor Frankenstein. O pendello da casca era un sitio moi oscuro que eu non me atrevía explorar mo a fondo por medo dos ratos enormes que ás veces aparecían por alí, ratos lirio xigantes con dentes xigantes tamén e a quen todos, incluso os adultos, tiñan medo pola súa mordedura.
Os píos tamén eran outro sitio que a min e á miña prima Silvia nos atraían e nos aterrorizaban ó mesmo tempo. Eran grandes buratos cadrados feitos no chan da Fábrica, a Fábrica de curtidos..., a Fábrica deu nome á toda a xeración dos meus bisavós, avós, pais e netos : Luis da Fábrica, a filla de Luis da Fábrica, a neta de Luis da Fábrica, esa era eu para moita xente, sobre todo a xente da aldea do Casal.
Pois ben, pérdome pensando naqueles anos, os píos, por aí ía, neles traballaban Chichís e Papaluis, agora sei que tiñan coma 1,70 m. de profundidade, pero para min eran insondables, negros e cheos de animais e criaturas das profundidades nunca vistas, nadando nas augas oscuras, listos para morderte e tragarte en canto caeras nalgún deles.
Sen embargo, meu tío Luis andaba entre os estreitiños carreiros que había entre eles cunha soltura e unha axilidade impresionantes, andaba e corría coma se estivera xogando, eu mentres tanto tiña o corazón nun puño, encollido, pensando que el podía caer alí abaixo e desaparecer tragado por aquelas negras augas.
Disque miña nai caeu nun deles cando estaba preñada de min, poida que por iso lle tivera tanto medo, pero ese é outro conto.
Desde arriba Luis e Papaluis usaban uns ganchos parecidos ós do capitán Garfio inxertados nuns paus enormes de longos para remexer as peles e subilas, disque cun deses salvou Chichís a miña nai e a min cando caemos ó pío, as dúas nun corpo só.
O primeiro pío que tiñan que sufrir as peles unha vez lavadas era o da cal, era o único pío branco e que estaba máis iluminado pola case única ventá da Fábrica, por iso non daba tanto medo, pero sempre nos dicáin que aquela auga era a máis perigosa porque che arrancaría o pelexo.
Unha vez sacadas do último pío Papaluis poñía o su mandilón de coiro e empezaba a curtir nas peles cuuns apeiros que eran grandes coitelos curvos con mangos en ambos extremos. Pasaba aqueles coitelos unha e outra vez por riba da pel, sen cortala, só sacándolle os pelos e a carne pegada e deixándoa finiña.
Despois daqueles traballos pasaban á Garita, o sitio favorito de Silvia e meu. Alí pasabamos horas e horas, tardes e tardes, deses días xigantes de miles de horas da infancia. Incluso de mociñas fixemos da Garita o noso refuxio independente, pero iso tamén da para outro conto.
Mentres Chichís e Papaluis rascaban aquelas pelees cos aros afiados e as cortaban en tiras finiñas máis ou menos iguais para facer as correas, nós faciamos debuxos nos papeis sobrantes da administración da Fábrica, faciamos paracaidistas saltando dun avión, miles de paracaidistas, non sei ben por que se nos deu pola teima dos paracaidistas, pero eu lémbroos moi ben. Debiamos ter 3,4,5 anos, non máis.
Ademáis tamén envolviamos un cacho de papel atado cun cacho de correa dos que había tirados polo chan e faciamos regalos que logo ofreciamos a noso avó e a noso tío con grande misterio e que eles recibían con grande sorpresa, a pesar de sabían moi ben que non había nada dentro. Eran moi riquiños e bós connosco.
Pero o curtido que máis emocionante me parecía e do que máis lembranzas teño era o curtido seco, o das peles dos animais pequenos que vía enteiros. Había un lote de bichos que a xente traía mortos e que pedía a meu avó que lle curtira a pel porque era moi bonita. Xa de moi pequena coñecín moita da nosa fauna salvaxe, aínda que sempre eran animais mortos : raposos, xinetas, denunciñas, porcoteixos, lebres e creo lembrar que unha vez trouxeron tamén un lobo, ó que eu tiña medo de achegarme e de tocarlle por se aínda non estaba ben morto, non fora a ser que se levantara para darme unha dentellada nunha perna.
Todos eran animais preciosos e as súas peles eran realmente suaves e bonitas. Algúns foran atropelados cos coches e traíanos para aproveitarlles as peles, pero outros foran mortos aposta para quedarse con aquelas pelexas tan finas.
A todos eles meu avó ou Luis colgábanos dun gancho pendurado dun pau grande horizontal atado entre as columnas da casa dos meus avós, a carón do lavadeiro e enriba da lousa grande pizarrosa que tapaba o pozo vello. O vello pozo que contaban había antes de vir a traída estaba debaixo da lousa onde pisabamos todos os días, miña nai dicía que era fondísimo. En toda a eira e a Fábrica había misterios e perigos e de todos os curros contaban contos. Pois ben, os animais alí colgados enganchábanse por unha das patas de atrás na mesma carne, pero entre os ósos para que non se desengancharan de ningunha maneira, tiraras o que tiraras para embaixo. Despois cun coitelo pequeniño e moi afiado (os que mandara Maruja de Alemania e ós que nós non podiamos achegarnos munca para evitar o perigo) ían rasgando o pelexo dos peludos bichos e logo tiraban cara abaixo para ilos desnudando pouco a pouco ata quedar todo carne, sen miga de pelo, a pesar de seren un feito despiadado e terrible eu estaba afeita a ver facer aquilo desde pequena e non me daba arrepío ningún, ó contrario gustaba de ver a destreza con que facían aquel traballo, sen cortar o máis mínimo a pel máis que por onde era necesario, sen erros, limpamente. A pel despois era cravada nunha táboa ben estricada (sempre había táboas por toda a eira con restos de sangue onde se pegaban sempre as moscas), en cada punta do que fora un corpo cravábaselle unha punta para que non se movera co vento e para que fose secando ó sol. Así quedaban todos estricados os bichos, exhibido o seu interior durante días. Logo mandábannos ós cativos á Farmacia por pedra lumbre. O outro día díxome meu tío que o produto químico que eran aquelas pedras brancas, semitransparenstes e ás que nos estaba prohibido tocar eran sulfato de aluminio que se lle aplicaba ás peles para volvelas doces despois de curtilas. As peles quedaban listas despois de todos aqueles traballos e se lle entregaban ós señores que viñeran traer os bichos.
Pero, que pasaba co resto dos animais, con aqueles corpos núos?.
No fondo da eira de Papaluis e Mamamaría (os meus avós), máis aló do galiñeiro e alí debaixo da figueira, onde algunha vez axudei a prantar millo, meu avó facía un burato coa ligona e enterraba aqueles pobres bichos xa sen ningunha das súas galas peludas. De feito, moitas veces cando sachaban alí era moi fácil atopar unha dentadura pequena ou un óso fino de a saber que animal...
Miña irmá Ana, que era e segue a ser moi fantasiosa contábanos moitos contos e historias de bruxas e meigas que ela dicía vivían na cima dos pinos de alá arriba do Casal. Ela tamén nos falaba daquela parte da eira que era o cemiterio de todos os animais que ían traendo para curtirlles as peles. De modo que moitas veces cando me ía deitar e todo estaba ás escuras, imaxinaba que os bichos todos enterrados na eira levantábanse de noite, cando ninguén os vía. Cos dentes e as unllas e os ósos que lles quedaban dos seus esqueletes esparruñaban na terra que formaba as súas tumbas e sáian para fóra e formaban serios consellos. Imaxinaba que falaban da xente toda que os matou e decidían formar unha Santa Compaña de animais para ir polas casa daqueles homes que agora usaban as súas peles para reclamarllas e levalas á eira para enterralas xunto con eles e por fin poder descansar enteiros e abrigados.
Aínda hoxe penso en todos eles cando vou pola eira e imaxino todas as súas voces e berros rosmando por debaixo da terra, resentidos e enfadados por non ter morto de vellos no monte a carón dos seus parentes e abrigadiños coas súas preciosas peles.

Seguidores